|
O matrimonio é a única guerra na que podes acabar por durmir co teu inimigo. Ben é certo que o home solteiro é un animal incompleto pero ás veces o casado remata converténdose nun auténtico animal. Non o digo eu ¡oian! E o ensaio da coñecida criatura de Alfonso Paso "Vostede pode ser un asasino". Dous amigos, Enrique e Simon, afananse por resolver problemas que nunca terian de seguiren solteiros. Mentres, as súas mulleres, Bríxida e Margarita, semella que andan a matinar como cancelar a cadea perpetua na que se viron envoltas ó dicir, aquel fatídico día, un "si quero" rotundo. Pero, ó final, as cousas non sempre son como se pensan. Que llo digan a Noela, a viciña que está caseque para vistir santos; a Xulio, o seu noivo, tan inocente (¡ejem!): ou, á vella tía, sempre queixándose. ¡Ai, canto enganan algúns! Pero, mellor, non conto máis. Non digo nada da muller alegre, do chulo e do morto. Senón deixo ó inspector Hilario sen choio.
Do que si podo falar é, mínimamente, do argumento. A obra presenta as aventuras e desventuras de dúas familias de clase media que vivían alá polos anos 50. Naqueles tempos, vostedes lembrarán, era moi común que as mulleres se marcharan de vacacións e que os homes quedasen na cidade á espera de que o traballos lles permitira reunirse con elas. Non me ven á cabeza situación máis perigosa ca esta: que o varón se quede só, co seu colega de toda a vida, sen preocupacións e sen perigo de que a súa dona ó sorprenda. Anque, iso de "sen", é moi discutible. Se queren saber o porqué só teñen que sacarllo ós espectadores que esta noite vaian ó Liceo de Noia a comprobar o atinadas que ían as miñas advertencias. Sen dúbida algunha, diránlles que desfrutaron de cheo posto que esta comedia, que combina a intriga policiaca co humor das suas disparatadas situacións, promete. O director, Manuel Sabín, xa estivo ó fronte de representacións tan exitosas coma "Comisaria especial de mulleres" ou "O retablo das marabillas". O elenco ten unha longa experiencia tras si. Talento, traballo e tesón é o lema do grupo. E funciona.
|